Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Moeche entrega 25 novos de composteiros no marco do plan de compostaxe doméstica


O Concello de Moeche, a través da Concellaría de Medio Ambiente, e coa colaboración de SOGAMA, entregou esta fin de semana 25 novos composteiros no marco do plan de compostaxe doméstica, que ten como principal obxectivo a implicación da veciñanza na redución dos residuos xerados, contribuíndo así a mellorar o medio ambiente e, ao tempo, reducir a factura que cada mes o Concello debe pagarlle a Sogama en concepto de tratamento do lixo. Co fin de que este proceso de autocompostaxe se leve a cabo con garantías, Sogama facilitoulle ao Concello de Moeche, ademais de composteiros de 400 litros de capacidade, material didáctico e divulgativo de apoio.

A nave do Mercado acolleu este sábado 8 de xaneiro a entrega de composteiros ás persoas inscritas no proxecto, así como un pequeno curso de formación presencial impartido polo persoal técnico ao servizo da empresa pública. Nel explicouse que é a compostaxe doméstica, onde situar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros tales como a temperatura e a humidade, elementos prioritarios na xeración dun bo compost, como levar a cabo as tarefas de supervisión e control, e cales son os problemas máis comúns e solucións.

Nos vindeiros meses as persoas receptoras destes composteiros recibirán unha visita, ben de persoal do Concello, ben de persoal da empresa pública, para realizar labores de seguimento. Para isto comprobarán a técnica seguida polos participantes e o seu nivel de satisfacción, analizando ao mesmo tempo os posibles erros detectados. A finalidade deste acompañamento é que as persoas usuarias dos composteiros obteñan un material fertilizante de calidade que despois poidan utilizar nas súas hortas e plantas.

O Concello de Moeche adheriuse a finais de 2016 ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, que pouco despois botou a andar coa entrega dos primeiros composteiros a 25 vivendas unifamiliares que se inscribiran inicialmente no programa. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Pedreira, destacou que estas accións “axudan a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e o compromiso adquirido polo Concello de Moeche de redución de CO2 no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, aprobado polo Pleno Municipal”

O Concello de Moeche aposta pola xestión da fracción orgánica, que representa máis do 40% da bolsa do lixo, mediante a autocompostaxe, desviando así parte dos residuos xerados fóra do sistema de recollida municipal. A compostaxe fai posible a eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos -a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento- dun xeito natural e outorgando a eses residuos unha segunda vida como abono. Por outro lado, recupera unha práctica tradicional en Galicia, como é a separación da materia orgánica para alimento do gando ou fertilizante.

Novos pasos cara ao cumprimento das novas directrices europeas en materia de xestión de residuos

A Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de maio de 2018 pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE sobre residuos, establece no seu artigo 22 que os biorresiduos deberán separarse e reciclarse en orixe ou ben recollerse de forma separada como moi tarde o 31 de decembro de 2023.

Neste sentido, Moeche, como o conxunto dos concellos, debe ir dando os pasos necesarios para avanzar cara a ese obxectivo e de aí que o Goberno municipal se acollese, entre outras accións, á Orde do 30 de novembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O obxectivo é un proxecto de ampliación do programa de compostaxe, inicialmente con 60 composteiros, e a obrigada campaña de formación e seguimento da súa aplicación. O proxecto require financiamento municipal para completar a liña de axuda que, de ser o caso, se outorgue.

Así mesmo, no marco dunha nova convocatoria da Consellería de Medio Ambiente con fondos europeos, Moeche presentará proxecto para ampliar a dotación de colectores da recollida de aceites domésticos e, posteriormente, de residuos téxtiles.